| VOLVER A PAGINA PRINCIPAL |
PORTO DE ESPASANTE



O Porto é un conxunto urbano. A súa
parte máis vella distribúese entre rúas estreitas e irregulares. Moitas das súas
típicas casas mariñeiras, de fachada con corredor balaustrado,
dan mesmo ao areal da Concha. Esta zona do Porto foi poboada dende tempos
antigos, como testemuñan varios descobrementos arqueolóxicos. Nas puntas
situadas ao norte e ao sur do areal da Concha atópanse restos de castros
e unha curiosa construción, chamada Monumento con Forno.
A igrexa parroquial está no lugar de Adro, a carón do río Dola.
Actualmente reformada, foi construída entre os séculos XVI e XVIII. No seu
interior conserva varios retablos barrocos. O mestre tallista
santamartés Nicolás Sánchez asinou no ano 1741 o retablo maior. Nel está
representado San Xoán -titular da parroquia- e varios santos máis. Entre eles
atópase Santo Domingo, en lembranza das extensas posesións que tiña nestas
terras o convento do mesmo nome nos séculos XVII e XVIII. O Porto ten tamén unha
capela dedicada a San Antón, construción sinxela con exvotos
mariñeiros pendurados das trabes do teito e un pequeno retablo do século XVIII.